billa

Cano con chave para abrir ou pechar a saída dun líquido ou dun gas

Etimoloxía

Palabra que procede probablemente do latín vulgar *bicula que nos leva ao grego bikkion ‘ánfora pequena’.

Exemplos *

“Abriron as billas, que renxeron extenuadas. Ela colleitou, con esmero, en botellas plásticas que atopara na cociña, a auga morna e turbia que agardaba estancada nun depósito xunto ao tellado.” (Iolanda Zúñiga: Natura, 2018)

“Non é a primeira vez que me pecho no baño e, empuñando un cepillo de pelo a xeito de micrófono, canto todo o repertorio de Agustín Lara. Sempre teño a precaución, iso si, de abrir as billas para acompañarme co rumor das augas correntes, como fai o malvís á beira dos regueiros, e para non darlle que rir á Tina.” (Bieito Iglesias: Miss Ourense, 2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.