bima

Labor agrícola que consiste en darlle unha segunda sacha ou cava a un cultivo, en particular a unha viña / Período de tempo durante o que se realiza este labor

Etimoloxía

Derivado regresivo sobre o verbo “bimar” que se pensa que é unha creación expresiva.

Exemplos *

“O de pórse moreno foi unha moda que empeza xa ben entrado o século XX, pois os primeiros bañistas o que facían era iso, bañarse, pero sempre evitando o sol xa que para a boa e rica sociedade o bonito era o estar ben branquiño, amosando que podían pasar o verán á sombra e non na sega do centeo, na renda do millo ou na bima das cepas.” (Clodio González Pérez: Galicia Hoxe, 25-4-2009)

“No mes de febreiro, segundo a dureza da invernía, tiña lugar a poda ; viña logo a rodriga, que consistía en atar as cepas xa podadas a estacas de carballo ou castiñeiro; en abril dábase a primeira cava e en maio— xullo a segunda, chamada bima. Cando o froito ía madurando procedíase a enfoxar (pechar) as viñas, para evitar a entrada do gando e os roubos.” (Pegerto Saavedra: A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850, 1992)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.