Peixe da superorde dos teleósteos, de pequeno tamaño, arredor duns vinte centímetros, corpo alongado cunha cor azulada no lombo e prateada no ventre, que se consome habitualmente á vinagreta ou en conserva
Etimoloxía
A denominación deste peixe fórmase sobre o substantivo “boca” que procede do latín bucca ‘boca’. Recoñecido tamén co nome científico engraulis encrasicholus.
Exemplos *
“Durante anos o cerco galego traballou cunhas cotas e topes para as súas pesquerías (fundamentalmente xurelo, xarda mais tamén sardiña e bocareu). Mais esa porcentaxe cambiou radicalmente hai tres anos. Variouse a cantidade a poder pescar e introducíronse criterios de reparto que prexudicaron a frota galega.” (X. M. Pinheiro: Sermos Galiza, 31, 5-11-2015)
“Ó abrente a dama sae do albergue acompañada de Fadrique, abríndose paso entre os postos de froita e verdura, entre os pipotes de viño, os toneis de bocareu en alache e os cestos de castañas que ateigan prazas e rúas nos días de Mercado.” (Marilar Aleixandre: Tránsito dos gramáticos, 1993)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


