bocarribeira

Pendente do terreo que descende ata o val próximo ao mar ou a un río

Etimoloxía

Voz que forma coa voz “boca” que procede do latín bucca e “ribeira” que nos chega desde o latín vulgar riparia, formada sobre ripa ‘beira’.

Exemplos *

“A futura cidade de Ourense nace (...) baixo o dominio de Roma e será a topografía o que determine a súa localización inicial, que se espallará logo sobre as bocarribeiras do río Barbaña cara ao Miño aproveitando o declive do Montealegre.” (Marcos Valcárcel: Historia de Ourense, 2008)

“Bandos e proclamas correron a terra toda dende o val da Barcia ás bocarribeiras do Sil, dende os altos camiños da Pastoriza (...) ata as praias de Vilanova de Alba, alumadas de luz, pero varridas daquela polo látego da fame.” (Víctor F. Freixanes: A cidade dos Césares, 1993)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.