bolboreta

Insecto pertencente á orde dos lepidópteros, do que existen múltiples especies, que ten dous pares de ás de variadas e vistosas cores cando é adulto e un aparello bucal en forma de trompa que lle serve para chuchar o néctar das flores

Etimoloxía

Palabra que ten unha orixe escura, xógase coa posibilidade de que proceda dunha formación do latín vulgar *belbellita desde o clásico bellus ‘fermoso’.

Exemplos *

“A lúa chea alumaba unhas bolboretas que bailaban arredor dun vagalume que fixera o niño á beira do camiño.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia/ O cadaleito branco, 2013)

“Hai bolboretas de incríbeis cores e de máis de 30 millóns de anos dispostas a saíren voando en canto limpen de resina as súas ás.” (Julio Fernández: O chapeu do indixente/ Esgotar os ollos, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.