boleto

Cogomelo grande e carnoso, con tubos perpendiculares rematados en poros na cara inferior do sombreiro que aparecen tanto en bosques caducifolios como de coníferas, e do que existen numerosas especies.

Etimoloxía

Chegounos desde o latín boletus, aínda que procede do grego, e denominaba calquera fungo en xeral.

Exemplos *

“… en Galiza temos bos cogomelos. A familia dos boletos é tamén moi apreciada, o cantarelo _coñecido como cantarela_ e algunhas máis que son moi saborosas.” (Carme Vidal: Sermos Galiza 02-11-1012)

“Non atopamos máis que boletos -pero ningún era boletus edulis senón máis ben de tipo bovinus– e cogomelos pequeniños de cor violácea …” (Xosé Cid Cabido: Grupo abeliano)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.