borralleira

Lugar da cociña ou do forno onde se bota a borralla

Etimoloxía

Voz derivada sobre “borralla” que, á súa vez, lévanos a “borra” que vén do latín tardía burram ‘tipo de la’.

Exemplos *

“A nena, con poucos aniños, axudaba aos veciños apañando guizos para o lume, recollendo cestas de bosta nos camiños para embarrar a aira antes da malla, limpaba a borralleira das lareiras e acudía á fonte coa ola da auga de barro mercada ao oleiro de Gundivós.” (Eduardo Prieto Casares: Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra, 2013)

“Nel cócese principalmente o pan para a familia, ou ben pode dar servicio a toda unha comunidade. Feito enteiramente en pedra, conta cunha vouta semiesférica, a «capela», ademais da borralleira para alberga-la cinza.” (José Pena Astray e Marcos Beiroa Raposo: As lareiras en Galicia, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.