botafumeiro

Incensario de gran tamaño da catedral de Santiago de Compostela

Etimoloxía

Palabra patrimonial e descritiva que se forma con “botar” que procede do francés antigo boter e este do xermánico *bōtan ‘golpear’ e “fumeiro”, derivado sobre “fume” que procede do latín fumu.

Exemplos *

“Ao fondo, os tiraboleiros moven o botafumeiro, o xigantesco incensario. Os turistas de Deus aplauden. Ao anoitecer, no paseo da Alameda, volven ver a catedral, pero na distancia.” (Manuel Rivas: Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, 2018)

“Tiven a sorte de ver voar aquel enxeño que percorría a nave do cruceiro da catedral. Souben que a xente do común lle chamaba botafumeiro a aquel enorme incensario de prata que espallaba pola cerrada atmosfera do templo o olor a incenso.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.