braza

Antiga medida de lonxitude equivalente a 1,67 m, aproximadamente a extensión dos dous brazos dun home abertos en cruz, que hoxe se usa na mariña para medir a profundidade.

Etimoloxía

Procede da forma latina brachia, -orum, plural de brachium, -ii, xa que era o que se abarcaba cos dous brazos.

Exemplos *

"Nós non sabiamos cal era o motivo daquelas concentracións, tan afastados de ámbalas ribeiras do Atlántico como estabamos e tan fondos como eran aqueles abismos que a sonda de máis de cen brazas non chegaba a medir." (Xavier Queipo: O paso do noroeste)

"… os mariñeiros saben moi ben diferencia-la silueta ou ronsel de cada peixe que vai por debaixo do barco a distintas brazas de fondo como da superficie." (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.