brétema

Condensación de vapor de auga do aire en contacto co chan, de constitución similar á das nubes, que reduce a visibilidade

Etimoloxía

Palabra que se cre que procede do gótico *brêthms 'vapor'.

Exemplos *

“Aquel inverno fora frío pero seco. Non había o perigo de que as nubes ou as brétemas enturbasen unha noite propia de lobos e vampiros.” (Bautista Álvarez: Retallos daquela infancia / A ruta da Estadea, 2013)

“Solidez compacta do presente. / Brétema do pasado e o futuro. / O que foi, ¿foi? O que será, ¿será? / Presenza esmagadora do que é. / Vivestes nun soño; nun soño viverás. / A realidade é o que vives só.” (Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980), 1982)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.