brinca

Diversión, broma, pasatempo, leria

Etimoloxía

Voz froito da derivación regresiva do verbo “brincar” que remite a “brinco” e este ao vocábulo latino vinculu(m) ‘atadura’.

Exemplos *

“Estanqueiro retirado, de parca pensión, ao que todo o mundo lle facía gracias e brincas pola súa afección desmedida a ler novelas, novelas e máis novelas, tan concentrado que os clientes do estanco tiñan que berrar para que atendese os seus pedidos.” (Xosé Carlos Caneiro: Un xogo de apócrifos, 1998)

“El fálalle a todos de tempos que foron, de brincas de nenos, de enredos da infancia, de contos de meigas e noites de troulas e alegres foliadas.” (Xaquín Lorenzo Fernández: Etnografía: Cultura material (Historia de Galiza), 1962)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.