brisca

Xogo de baralla en que se reparten, ao comezo, tres cartas para cada xogador e se saca outra que indica o pau do trunfo, collendo logo de cada baza xogada, por orde, unha carta das que quedaron na mesa ata rematalas, resultando gañador o equipo que máis puntos faga / Ás ou tres de cada un dos paus da baralla que non son trunfos neste xogo

Etimoloxía

Denominación que se adaptou da francesa brisque ‘xogo de cartas’.

Exemplos *

“O seu pazo estaba situado na beira esquerda do Miño (...). El cruzaba con frecuencia o río na barca, para visitar a súa irmá (a avoa Vicenta) e botar con ela unha partida de brisca e tomar un chocolate, que moito lle prestaba.” (Ramón Villares: Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, 2018)

“Ao entrar na tenda, a rapazada coas mulleres que acudiran á parada do coche de liña e mais os homes, que mataban o tempo xogando á brisca, quedaron paralizados sen pestanexar, (...) , calados como pedras, ollando en fite ao monstro.” (Eduardo Prieto Casares: Folliñas que levou o tempo. Contos da Ribeira Sacra, 2013)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.