bubela

(Imaxe: Johann Friedrich Naumann, 1905)
(Foto: Dûrzan cîrano. Wikipedia)

(Upupa epops) Paxaro da familia dos upúpidos, de peteiro longo e curvado, ás arredondadas e plumaxe de cor castaña rosada, coa parte inferior do lombo e o rabo raiados de branco e negro e notable crista eréctil coa punta das plumas negra.

Etimoloxía

Esta forma procede do que en latín era un diminutivo, upupella, creado a partir do nome da ave, upupa -ae.

Exemplos *

“Baten cos pés inquietos os coellos nas táboas do pendello, as galiñas esgaduñan polo eixido, pasou unha bubela, andan os merlos na lata, algún grilo e agora todo é serán.” (Anxo Angueira: Bágoas de facer illas)

“Cantaba o moucho na regata de Bergadiñas e a bubela no carballo da Batoca. Alá en baixo, nas pucharcas do regato, as ras formaban unha coral afónica e as cobras semellaban voces brancas.” (Afonso Eiré: Eu tamén fun coas vacas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.