cabo de casa

Home máis vello dunha casa, cando xa é ancián, merecente do respecto dos demais membros da familia

Etimoloxía

Locución que se forma a partir da palabra “cabo” que procede do latín caput que significaba ‘cabeza’, daquela estamos ante a ‘cabeza da familia’, ‘o máis importante’.

Exemplos *

“Intenta colocarse mellor para ver sen que o vexan, e entón cáelle a vista no mar, e ve ó lonxe oito velas. Volve correndo para dar aviso en cas de seu tío. O rei despacha mensaxeiros a todos os cabos de casa para que veñan con todo o seu poder.” (Darío Xohán Cabana: Cerco de ferro / O caldeiro, 1994)

“O matrimonio de alemáns non oíra falar ata o de agora desas consecuencias e flocos da guerra civil. Circunstancia que aproveitou o cabeza de familia, ou cabo de casa, que tamén se di, para contarlles un caso que acontecera non había moito na parroquia de Quintela.” (Xosé Manuel Carballo Ferreiro: Don Otto de viaxe pola Chaira, 1993)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.