Froito da planta orixinaria de América da familia das papilonáceas, de talo rastreiro, follas alternas, flores amarelas e froitos en casula con sementes oleaxinosas e comestibles, que maduran introducidos na terra.
Etimoloxía
Chegounos desde o náhuatl tlalkakauatl, composto a partir de tlalli ‘terra’ e kakauatl ‘cacao’.
Exemplos *
“… un par de cacahuetes pechou a actuación da mona e o paseo dos plátanos recobrou a paz daquela tarde de mércores, unha paz de xílgaros e merlos que saudaron con chíos o adianto da fresca.” (Luís Rei Núñez: Expediente Artieda)
“… teño dó de min mesmo, ancián e pechado tras estes barrotes, consumindo os derradeiros días da miña vida matando pulgas e comendo cacahuetes.” (Manuel Núñez Singala: Menú de enganos)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.