cacao

Arbusto da familia das esterculiáceas, co toro liso de cor canela, follas grandes, flores pequenas vermellas ou amarelas e froito oblongo e carnoso, que contén un gran número de sementes // Semente deste arbusto // Po soluble obtido destas sementes, que se emprega na alimentación

Etimoloxía

Palabra que nos chega do náhuatl cacáhua.

Exemplos *

“Hai tempo que o único que saca a nosa Confraría das requisas no mar son mercadorías: azucre, tabaco e ron das Antillas, coiros ó pelo e curtidos do Río de la Plata, cacao de Caracas, barricas de viño, peixe salgado.” (Xosé Mª Lema: Costa do Solpor, 2013)

“Eu chegara, había agora dous meses, dunha viaxe polos mares caribes, onde escoltara un cargamento de copra e pasta de azucre, tabaco e cacao das illas da Martinica e Guadalupe e dos asentamentos franceses de Marie Galante e La Désirade, pequenas posesións da Coroa nun mar propio para o comercio de materias primas logo da fin do monopolio establecido polos españois.” (Xavier Queipo: O paso do noroeste, 1996)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.