Planta da familia das cactáceas da que existen diversas especies que se caracterizan polas súas follas en forma de espiñas e por acumular auga e nutrientes nos seus tecidos, o que lles permite sobrevivir en zonas de calor extrema
Etimoloxía
Palabra que vén do latín cactus 'cardo', e este remite ao grego káktos ‘folla espiñenta’.
Exemplos *
“Había grandes cactos, sorprendentes naquel lugar. As cores das casas, os cactos e a luz intensa que se reflectía nas cunchas e nos seixos, producían a impresión de estar deslocalizados, de seren de climas máis calorosos e secos.” (Anxos Sumai: A lúa da colleita, 2013)
“Diante miña estendíase unha chaira infinda, sementada de cactos e palmeiras. Xemía o vento, abalando as pólas das árbores, levantando remuíños de area. Achábame só naquel deserto, sen poder recordar como chegara alí.” (Lois Fernández Marcos: Galaxia lonxana, 1995)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


