cadea

Obxecto constituído por unha sucesión de pezas de metal en forma de aro enlazadas entre si, de distintos tamaños e materiais, segundo o uso.

Etimoloxía

Procede da palabra latina catena, –ae 'cadea, lazo' xa que o seu aspecto lembra a unha cadea e a súa función é a de suxeitar como fai o lazo.

Exemplos *

"Había dous homes coas mans e a roupa engraxadas que andaban ocupados con rodas, cadeas, piñóns e catarinas e que, ao ver chegar ao rapaz, pararon unha miga no seu labor" (Paco Martín: A bisneta lercha)

"Felicitábanme con grandes apertas, orgullosos do meu valor, até que na cuarta función, confiado xa coa depuración da miña técnica malabar, se me soltou a cadea da bicicleta" (Antón Riveiro Coello: Casas baratas)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.