cadelucha

Molusco bivalvo da familia dos donácidos, duns tres centímetros de lonxitude, coa cuncha de cor verde oliva pálida ou parda clara e interior branco, violeta ou laranxa

Etimoloxía

Denominación formada sobre “cadela” e esta procede do termo latino catella ‘cadela pequena’.

Exemplos *

“Navalliña, molusco bivalvo de cunchas redondeadas chamada tamén cadelucha. O seu nome científico é Donax anatinus. Son propias da barra dos ríos onde se mesturan as augas doces coas do mar.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas, 2012)

“Neste contexto, os bancos de cadelucha beneficiaríanse de calquera actuación que producira un incremento da influencia fluvial sobre os bancos nos que se explota esta especie, como ocorrería no caso do Lombo das Navallas na ría do Barqueiro.” (Xunta de Galicia: Estudo integral das Rías Altas. Estudo das rías de Ribadeo, Foz, Viveiro, O Barqueiro e Ortigueira. Hidrografía, dinámica, bioxeoquímica, sedimentoloxía, ecotoxicoloxía, microbioloxía, patoloxía e bioloxía das zonas de interese marisqueiro, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.