cagarolas

Persoa que adoita sentir medo ou que carece de valor para enfrontarse aos perigos

Etimoloxía

Palabra coloquial derivada sobre o verbo “cagar” que procede do latino cacare ‘evacuar, defecar’.

Exemplos *

“Míster Blackman engurrou o cello e fíxome un aceno para darme a entender que unha vez máis tiña que oficiar de enterrador. Pedinlle axuda a Day, o camareiro de oficiais, para achegar aquel corpo cabo da regala de estribor pero aquel cagarolas non fixo outra cousa que afastarse para deixarme espazo. Olleino un intre sen que el se atrevese a mirarme. Todos tiñan medo ós mortos.” (Hixinio Puentes: Aguillóns de Ortegal, 2005)

“Máis ca home semellaba un elefante. Ou mellor sería comparalo cun xabaril, un porco bravo. Si, a comparanza vaille ben porque miraba sempre con receo, de través, por debaixo das orellas. Tiña medo. Este superhome dos camisas negras era un cagarolas. Por veces fuxía, escondíase e ninguén sabía del.” (Xosé Neira Vilas: Galegos no golfo de México, 1980)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.