calado, -a

En silencio, sen falar

Etimoloxía

Adxectivo que procede do participio pasado do verbo “calar” que chega a nós desde o latín vulgar *callare ‘baixar’, especializado no sentido ‘baixar a voz’. Este termo bebe do grego chalan que significaba ‘soltar’ e ‘facer baixar’.

Exemplos *

“...disto Xela tamén sabía, de non falar de máis, de saber estar calada, e encantáballe falar…, outra marabillosa contradición, fácil de resolver, só hai que saber cando é mellor falar e cando é preferible o silencio, para poder escoitar…” (Ana Iglesias [prólogo] de Xela Arias: Non te amolas, 2021)

“Senta a escoitar coas orellas agudas , como cando está na batalla . Gústalle facer iso de noite no bosque , teme sempre que o inimigo ande á espreita e prepare unha emboscada . Sabe que ela sería a primeira en decatarse porque escoita , escoita todas as voces caladas.” (María Reimóndez: Pirata, 2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.