Tremor brusco e sensación de frío que, ás veces, acompaña a febre nunha enfermidade.
Etimoloxía
Discútese a súa evolución, pero parece haber acordo en que se formou a partir da combinación de elementos que remiten á calor e ao frío, probablemente cos imperativos de calere 'estar quente' e frigere 'estar frío'.
Exemplos *
"A breves momentos de lucidez suceden longos desvaríos onde non recoñece a ninguén, arrebatado polas pantasmas do pesadelo, enchoupado de suores e calafríos, e unha canseira terrible …" (Víctor F. Freixanes: A cidade dos césares)
"… sentíase sen forzas para nada, e deixouse afundir na noite daquela pel fresca que se apegaba á súa, a lle calmar os calafríos da febre …" (Xosé Manuel Martínez Oca: As florestas do Mañuema)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.