calandra

Paxaro pequeno da familia dos aláudidos do que existen distintas especies, de cor castaña escura e co papo, peito e ventre brancos, que se alimenta de grans e insectos, adoita facer o niño no chan e emite o seu canto melodioso mentres voa

Etimoloxía

Denominación que bebe no latín vulgar calandriam que, á súa vez, remite ao grego kálandros ‘ave semellante á cotovía’.

Exemplos *

“As calandras afinaron as gorxas para melodiar as garuladas cos rechouchíos dos seus concertos mañanceiros. Eu coñecín algúns paxaros no tempo en que meu pai me levaba ó monte escoller madeira para o estaleiro.” (Hixinio Puentes: Aguillóns de Ortegal, 2005)

“De regreso a Chaguazoso, o viaxeiro bordea o río e observa moitas aves (paspallás, calandras, gabiáns, perdices) que remontan o voo ó oí-los seus pasos.” (Augusto Pérez Alberti: Teceláns. Viaxes, 2002)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.