camarón

(Paleamon serratus) Crustáceo mariño da orde dos decápodos, de catro a dez centímetros, segundo as especies, co corpo comprimido lateralmente e cunha prolongación dentada do rostro, que vive preto da costa en zonas rochosas de pouca profundidae e con moita vexetación.

Etimoloxía

A denominación procede da que tiña na lingua grega, kammaros, se ben ata nós chegou a través do latín.

Exemplos *

"… nós tomamos posesión da praia baldeira, vixiados de lonxe por uns rapaces da aldea que andaban ao camarón nas pozas das rochas …" (Xavier Alcalá: Código morse)

"Erguémonos da mesa logo dunha sobria pero apetitosa comida de peixe salgado e camaróns ben frescos que o noso cociñeiro aliñara cun mollo picante." (Xavier Queipo: O paso do noroeste)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.