Colección ou libro en que se recollen cantigas medievais, cancións, romances, coplas, panxoliñas etc.
Etimoloxía
Palabra derivada que toma como base estoutra “canción” que vén do latín cantio ‘canto’.
Exemplos *
“Pero non todo eran guerras. Faciamos fouces e rellas de arado nas ferrerías do Incio. Escribimos cancioneiros de amor en Provenza e no mar de Vigo. Construímos o Pórtico da Gloria. Plantamos as patacas que viñeran de América.” (Manuel Rivas: ¿Que me queres amor?, 1996)
“A forte personalidade de Novoneyra dominou o ambiente. Recitou con mestría os poetas dos Cancioneiros, dicía os seus poemas como se foran propios, tanto que os poemas de Torneol ou de Bernal de Bonaval semellaban dos nosos días, e, en poucos minutos, aceptabamos como natural o seu parladoiro galego.” (Xosé Luís Franco Grande: Os anos escuros, 1985)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.