canear

Esquivar a oposición dun ou varios xogadores contrarios para seguir adiante co balón.

Etimoloxía

Sobre a base 'can' (do latín cane) á que se xunta o sufixo -ear, por referirse a un movemento semellante ao que fan os cans dun lado para outro.

Exemplos *

“Os primeiros compases do choque evidencian que Quico xoga o máis do tempo de cu á porta, que Caminero sabe canear pero engurúñase ante defensas frebudos como Modesto e que os outros colchoneiros son estes días xergón de casca de millo.” (Bieito Iglesias: Galicia Internacional 28/8/1995)
     
“A arte de conversar parécese bastante ó futbol xa que, por practicarse en equipo, hai que rete-lo menos posible a pelota-palabra e centrarlla ó compañeiro mellor situado ou con máis condicións e coñecementos, canear habilmente os ataques bruscos, esquiva-los golpes do opoñente, non estorbar con interrupcións inoportunas a intervención do compañeiro, non levanta-la voz nin insultar, non dar por rematado o encontro cando un non pode máis…” (Luis Pedro Carregal: Saber ser, saber estar. Normas, consellos, curiosidades)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.