cangallo

Cada unha das ramificacións que compoñen un acio.

Etimoloxía

Derivou a partir de canga, e para esta proponse como orixe máis probable o céltico cambica 'madeira curvada'.

Exemplos *

"Chego canso á praza das Ánimas no intre mesmo de ver marcha-los derradeiros xornaleiros, e pérdome por San Miguel dos Agros onde os cangallos madurecen xa nun ancho leito de lastras labradas. " (Luís González Tosar: A caneiro cheo)

"Vén sendo un 2 a 5% do peso total do acio e ten importancia, sobre todo, no viño tinto, que ferve co cangallo, pois ten unha proporción maior de tanino, que procede do cangallo." ( Xosé Posada: Os viños de Galicia)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.