Composición en verso á que se lle pon música para ser cantada
Etimoloxía
A orixe da palabra é controvertida relaciónase con “canto” que, á súa vez, vén do latín canere ‘cantar’, a través da forma cantum; pero tamén se indica unha suposta procedencia celta *cantica, da raíz can-, co mesmo significado.
Exemplos *
“A crenza na existencia de lobishomes deitou repercusión na toponimia, como o demostra a existencia de lugares como O Lobishome, en Manzaneda ou Lobisome en Pedroso, no concello de Riós. Deitou igualmente pegadas na tradición oral como mostra unha cantiga popular recollida en Cotobade por Antonio Fraguas.” (Víctor Vaqueiro: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, 2011)
“A música e a cantiga son capaces de emocionar o noso espírito laico para confraternizar esa singularidade musical que A Quenlla nos ofrenda cando proclama batalla contra os que negan as evidencias de Galiza.” (Xosé Lois García: Galicia Hoxe, 5-8-2008)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.