carabela

Cesto con tapa no que adoitan levarse as provisións para unha viaxe, unha romaría etc.

Etimoloxía

Palabra que é o diminutivo do vocábulo latino carabus que significaba inicialmente 'embarcación de vimbios e coiro' que, á súa vez, bebía do grego kárabos 'cangrexo' e 'embarcación'.

Exemplos *

"As mulleres ían coa carabela na cabeza." (Francisco Fernández de Riego: San Andrés de Teixido)

"A iso da tardiña, antes da hora da cea, chegou un vixilante cunha carabela de vimbio chea de comida para min." (Hixinio Puentes: O bandido Casanova)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.