Obxecto con que se cobre a cara para non ser recoñecido, por exemplo durante o Entroido.
Etimoloxía
Non hai acordo sobre a súa orixe. Para uns estudosos deriva de cara e para outros procedería do latín character co sentido de 'símbolo máxico'.
Exemplos *
"Ó premer un botón apareceron na porta unha serie de homes e mulleres espidos, todos mutilados e cunhas carantoñas repelentes." (Úrsula Heinze: Remuíños en coiro)
"Nas aldeas da montaña trouleaban de xeito máis aberto, comunal e colectivo. En Soldón da Seara participei algún ano nunha procesión de carantoñas …" (Xosé Estévez: A lagoa da memoria)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.