Persoa que fai caricaturas
Etimoloxía
Palabra que se forma sobre estoutra “caricatura” que bebe do italiano caricatura que, á súa vez, remite ao verbo caricare, na acepción ‘esaxerar’.
Exemplos *
“Talvez, debuxando nalgunha bretemosa tarde da fascinante Pontevedra da súa infancia, un neno chamado Alejandro de la Sota escoitase do seu amigo, aquel gran debuxante e caricaturista chamado Daniel Alfonso Castelao reflexións como as aquí recollidas.” (Pedro de Llano: Alejandro de la Sota. O nacemento dunha arquitectura, 1995)
“As deformacións, as esaxeracións por exceso ou por defecto do caricaturista, teñen como finalidade salientar a expresión do modelo para obter outra semellanza distinta á que se consegue co retrato convencional.” (Siro López: Sobre o humor de Cervantes no Quixote, 2005)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.