Persoa que ten por oficio traballar a madeira, que fai útiles de madeira, particularmente para a construción.
Etimoloxía
Vocábulo que xorde desde o equivalente latino carpentarius 'construtor de carros', que deriva, á súa vez, de carpentum, –i 'carro'.
Exemplos *
"…as augas non magoan as arestas duras das pedras que tallou un cicel que fora trencha, e que alisou unha escoda que denantes fora guillame no taller dun carpinteiro." (Xosé Filgueira Valverde: Quintana viva)
"Ao patrón gustoulle a idea e levoume para facer toda a obra de carpintería e dirixir as brigadas de carpinteiros." (J.A. Xesteira: Contos de familia)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.