carriza

Vexetación formada por plantas da división das briófitas de ata uns cinco centímetros de altura, que cobre como unha capa os lugares en que hai humidade, sobre todo as pedras, a casca das árbores etc.

Etimoloxía

Termo que remite ao latín vulgar *cariceu que bebe no latín clásico carex, -icis ‘variedade de herba’.

Exemplos *

“O xardín formaba unha especie de miradoiro sobre a ría cuberto por uns cantos salgueiros, cun par de bancos mirando cara ao mar. E entre eles, un vello estanque rectangular cunha fonte no seu interior. Todo o conxunto estaba construído en pedra vella, pero tan comesta pola carriza e os liques que case nin se adiviñaba a súa cor gris.”(Pedro Feijoo: Os fillos do mar, 2012)

“Anxo vira intencionadamente cara á capela de San Cibrán, escorrentador do mal do meigallo, unha camposa que domina a valigota e metade do mar da casa. Deixa cu e caxato sobre do murado que ten brión, carriza onde a auga da nube esponxa para que a pedra beba, a pedra do santo, porque aquí todo ten misterio.” (Xosé Vázquez Pintor: Mar de bronce, 2003)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.