Xoguete consistente nunha roda de madeira que se fai virar conducíndoa cun pau guiador
Etimoloxía
De orixe incerta.
Exemplos *
“Alá polos anos vinte ou antes, cando meu pai andaba guiando coidadosamente unha carroula para non se esfachar por entre as olas dos cacharreiros ou contra as cestas de ovos das piteiras, cando o tempo camiñaba moito máis a modo que agora e chegaba o domingo pola tarde con aquelas tardes mornas que quedaban despois de enxugar o sol as pozas de auga.” (Manuel Anxo Laxe Freire: Semente de onte, 1994)
“Ao redor da escola, hai unha campa chea de margaridas, onde os nenos xogan. E tan raioso aquel recanto, que os nenos van alí até os domingos. Alí cantan, choutan, rin. Os rapaces xogan á carroula. O mestre séntase ao pé deles cun libro entre as maus.” (Evaristo Correa Calderón: Conceición singela d’o ceo. Novela inédita, 1925)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.