Carpeta grande na que se gardan papeis, documentos etc., que se adoita pór riba da mesa do escritorio para escribir sobre ela.
Etimoloxía
É un composto, resultado de combinar carta (do latín charta, ae ‘folla de papel’, de procedencia grega) mais fol (do latín follis, is ‘fol, bolsa de coiro’).
Exemplos *
"Notábaselle naquel brillo que lle inundaba os ollos cando tiraba do seu cartafol aquelas láminas repletas de historias contadas a base de imaxes." (Xosé A. Neira Cruz: As cousas claras)
"Moncho colleu o cartafol, colocou o portaminas na orella dereita despois de rañar a caluga e foi cara á porta." (Xabier Quiroga: Atuado na braña)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.