cartapacio

Carpeta grande para gardar libros, documentos, papeis etc.

Etimoloxía

Vocábulo do que a súa orixe é incerta, quizais do latín baixo chartapacium 'carta de paz'.

Exemplos *

“Sen saber por que, pensei naquel gando que oía bruar, ás veces, entre a néboa e que o vaqueiriño, ó volver da escola, co cartapacio aínda debaixo do brazo, tanxía, entre os pastos mollados, a corte quente, olorosa.” (Xosé Alvilares: Memorial de agravios, 1992)

“Ademais dos libros de consulta, tiña un cartapacio onde ía gardando dende había anos anotacións e debuxos da súa autoría agrupados baixo o título A intimidade da mar.” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.