cascarilla

Casca da semente do cacao, triturada e torrada, que se utiliza para facer infusións

Etimoloxía

Termo que remite para súa formación a estoutro “casca”. Os estudosos indican que é un derivado regresivo do verbo “cascar” que se forma no latín vulgar *quassicāre procedente do clásico quassāre ‘escachar’.

Exemplos *

“Pero grazas ós almorzos con cascarilla de cacao, Quin foi medrando, asemade o faciamos Fernando e mais eu. E canto mais tirabamos cara arriba, mais cativo deviña o resto do mundo. As iconas ían caendo unha tras outra coma follas de outono.” (José Luís Sucasas: O Xornal de Galicia, 10-11-2010)

“Subiu ao seu cuarto, aquel único reino a onde non chegaban os cheiros nin do caldo, nin da cascarilla, nin do limoeiro, nin das azucenas mortas, nin os laios do can de fóra, nin o pranto da nena da rosa morta, nin o renxer apurado da invernía na arredada mariña.” (Emma Pedreira: Bestiario de silencios / O inverno baixo a pel da poeta, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.