Molusco da clase dos gasterópodos provisto de cuncha en forma de espiral e do que existen especies acuáticas e terrestres
Etimoloxía
Termo derivado sobre “cascar” ‘escachar’ que procede do latín vulgar *quassicare ‘sacudir’. Esta especie toma como nome científico Hélix.
Exemplos *
“Enriba do seu taboleiro improvisado, Ramón desprazaba neste intre catro cunchiñas de cascarolo mareiro distribuíndoas nas combinacións máis variadas.” (Antón Risco: Mascarada, 1995)
“Quen sabe se a lentitude dun caracol común é a mesma cá dun caracol da Borgoña ou dun caracol xudeu ou dun caracol do bosque! A do Papa, cando vai no seu cascarolo, si é un pouco distinta porque ten que ir saudando.” (Jaureguizar: Comendo espaguetis diante da televisión, 1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


