castañeta

Peixe mariño comestible, de corpo oval e comprimido lateralmente, de cor gris escura no lombo e prateada nos costados e no ventre // Peixe mariño comestible de forma semellante á do anterior, cuberto de escamas grandes e fortes, cor encarnada nas aletas e no bordo inferior das mandíbulas, e rosada con reflexos prateados no costado e no ventre.

Etimoloxía

Denominación relacionada coa voz “castaña” pola forma e esta vén do termo latino castanea 'castaña'. Recoñecido co nome científico brama brama ou Beryx decadactylus.

Exemplos *

“Comezaban por aparecer nun ou dous postos e a prezos elevadísimos para logo ir estendéndose polo resto dos postos do mercado xa con prezos alcanzábeis. Daba igual que fosen peras, figos, pexegos ou sardiñas, castañeta ou percebes, que grelos, tirabeques ou patacas novas.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

“Cando chegou Luísa cunha castañeta vermella para facer ó forno, os tres ollaron os seus reloxos para comprobar que certamente eran case as nove da noite. A castañeta estaba espléndida.” (Xavier Queipo: Papaventos, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.