castañola

 Instrumento musical popular formado por dúas pezas de madeira, cóncavas por un lado e convexas por outro, de perfil arredondado e cunha parte saínte onde levan uns cordóns cos que se suxeitan á man, que se toca batendo repetidamente as dúas pezas.

Etimoloxía

Deriva da forma castaña (do latín castanea), probablemente influenciada polo castelán castañuela.

Exemplos *

“O ansiado herdeiro varón non apareceu e as dúas fillas Dona Trinidade e Dona Ramonita foron medrando guapas coma dous soles e simpáticas coma castañolas, mimadas e custodiadas baixo a atenta vixía de seu pai.” (Manuel Anxo Laxe Freire: Semente de onte)


“Existe unha enorme diversidade de instrumentos percutivos populares; uns teñen carácter individual, outros desempeñan unha función esencial dentro dun grupo, como o tamboril e a caixa; e outros teñen un carácter ambiguo como son as castañolas.” (Ana Sánchez Brunete e Enrique Montero Torreiro: Os instrumentos da música popular)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.