castrapo

Variante do idioma castelán falado en Galicia, caracterizada pola abundancia de palabras e expresións tomadas do idioma galego

Etimoloxía

Termo formado sobre a palabra “castelán” ao que se lle engade a terminación -trapo que ten carácter pexorativo ‘estragado’ ou ‘rachado’.

Exemplos *

“¡Qué Deus lles perdóe a feble cultura / aos que esmendrellaron a nomenclatura, / traducindo os belos nomes de Valdeorras / ao feio «castrapo», da linguaxe as borras, / xerigonza, xiria, xermanía impura / que é, do castelán, a caricatura!” (Florencio Delgado Gurriarán: “Louvanza dos nomes enxebres”, O soño do guieiro, 1986)

“Poñíanos cada día en pé ao aire de Viva España unha, grande e libre, botando enormes gargalladas cando intentabamos contestarlle nun castrapo desastroso treméndonos as palabras ao mesmo tempo que os xeonllos.” (Medos Romero: Dubido se matei a Lena, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.