Catarro das vías respiratorias, que produce un aumento da secreción nasal, tose e espirros.
Etimoloxía
É un derivado de catarro, que procede do grego katarrhoos 'fluxo de humores, catarro', a través do latín catarrhus.
Exemplos *
"Arcanxo, un home dinámico, moi falador, pero un chisco xordo, agasállame dun "Bálsamo de Tigre", importado directamente de Singapur, para aplacar a catarreira que me ten medio amolado." (Luís Menéndez Villalva: Toda a terra é dos homes. Galegos no mundo)
"Desculpade, collín unha catarreira esta fin de semana, colleume unha chuvieira cando ía na barquiña que teño no pantano." (Suso de Toro: Calzados Lola)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.