Aparello que consiste nunha barra vertical sobre a que xira, indicando a dirección do vento, un anaco de tea en forma de manga ou unha peza de metal en forma de frecha
Etimoloxía
Voz composta polo verbo “catar” e o substantivo “ventos”.
Exemplos *
“O aire arrecia, mandándolle ós nubeiros que cambien de camiño. Os cataventos dos tellados volven xirar de novo, facendo repenica-las follas de lata que figuran voitres, meigas chuchonas e dragóns. As martabelas saúdan o seu señor.” (Ramón Loureiro: O corazón portugués, 2000)
“Todo o mundo lle chamaba a fragua, e alí non se ferraban só animais, senón que tamén se facían cancelas, algunha ferramenta e mesmo cataventos, dos que tiña varios modelos, todos eles cun galo.” (Xavier Senín: O alfaiate portugués, 2016)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


