cazón

Peixe mariño da subclase dos elasmobranquios, de corpo alongado de cor acastañada, coas aletas dorsal e caudal coma as das quenllas e o fociño arredondado, que vive tanto nas augas profundas coma nas superficiais

Etimoloxía

Vocábulo que nos leva ao latín vulgar*cattione que, á súa vez, remite ao clásico cattus ‘gato’.

Exemplos *

“«No Gran Sol, co cazón, ou peixe gato limpabamos as madeiras das caixonadas, faciamos branquexar a cuberta toda co seu pelello e auga de mar, sen xabón nin nada». Lembran cun aquel de nostalxia o uso das peles duras en funcións de cepillo, como exemplo dunha hixiene natural.” (Xavier Paz: Follas de bacallau, 2005)

“Nas proximidades da franxa litoral encontramos especies como o cazón (Galeorhinus galeus), un cazador oportunista e voraz de todo tipo de peixes, polbos e incluso crustáceos, que nos meses de verán pode entrar nas rías.” (Toño Maño: Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 10-2015)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.