cebada

Planta herbácea da familia das gramíneas moi parecida ao trigo pero de menor altura, folla máis ancha e espiga máis alongada, da que existen distintas especies // Semente desta planta que se utiliza na elaboración da cervexa e na fabricación de fariñas, pensos etc.

Etimoloxía

Termo que deriva do latino cibāta, a forma en feminino do participio pasado do verbo cibāre 'cebar'.

Exemplos *

“As cebadas, xunto ao paínzo e as aveas completan a produción de cereais, que foi complementada coa das leguminosas, onde as fabas (Vicia faba var celtiberica nana) serán dominantes, e en menor medida os chícharos.” (Pablo Ramil Rego, Luís Gómez-Orellana e Castor Muñoz-Sobrino: Historia da meteoroloxía e da climatoloxía de Galicia, 2008)

“Eles, os maiores, fixeron os seus negocios que incluían os peixes en conserva, unhas trinta fanegas de trigo, cebada e centeo, así como varias arrobas de carne curada, xamóns e chourizos, que traïamos nas nosas bodegas.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.