cebote

Porco que se ceba para sacrificar, en particular o que se ceba para unha segunda matanza

Etimoloxía

Vocábulo derivado sobre o verbo “cebar” que bebe do latín cibare ‘alimentar’.

Exemplos *

“En materia porcina, os seus coñecementos dilatábanse como o horizonte da estepa. Acordábase da ceruda fervida, que curaba os cebotes da landeira, antes das prescricións veterinarias. Asistira ó tránsito das belotas ós pensos concentrados.” (Bieito Iglesias: A historia escríbese de noite, 2001)

“E hai carros con niñadas de ranchos do leite, porcas preñadas, cebotes de tarde... Os porqueiros manexan o xiz de marcar, gobernan os tratos, falan por ducias, collen ao peso os bacoriños, que son de cristal.” (Xosé Vázquez Pintor: A tribo sabe, 1999)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.