cebra

Mamífero da familia dos équidos do que existen diversas especies propias do sur de África, cun aspecto intermedio entre o cabalo e o asno, e o pelo branco tirando a amarelo, con listas pardas e negras ao través.

Etimoloxía

A denominación procede probablemente do latín vulgar *ceciferu e este do clásico equiferu 'cabalo salvaxe'. Parece que foron os portugueses os que bautizaron o animal africano pola semellanza co 'asno dos montes peninsular' do mesmo nome.

Exemplos *

"E apareceu sazonado de sol e mar, sorrinte, con vultos enormes que foron dando arcos, frechas, lanzas, figuras fálicas de marfil, pele de cebra." (Xavier Alcala: Código morse)

"Aínda peor, Londres, íase materializar no horizonte vital do meu fillo coa mesma forza con que o león esnaquiza a gorxa da cebra." (Xaime Domínguez Toxo: Contos de Baiuca)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.