celidonia

(Chelidonium majus) Planta herbácea da familia das papaveráceas, de trinta a oitenta centímetros de altura, follas alternas verde clara pola cara e azulada polo revés, flores amarelas e froito en cápsula.

Etimoloxía

En latín chamábase chelidonia -ae, que vén do grego chelidon ‘andoriña’, pola semellanza entre a cor escura das follas nalgunhas variedades e a cor da ave.

Exemplos *

“A celidonia non se atopa en zonas moi soleadas ou secas, prefire antes ocupar lugares ben sombreados, sendo moi habitual vela ao lado de construcións rurais ou ao pé de valados.” (Mª Xosé Castro e Gemma Pérez: Cerna 02-2010)

“Aparece tamén unha fábula moi antiga que se recolle en certos códices e recompila entre outros o padre Feijoo, segundo a cal, a celidonia restitúe a vista dos pitos das andoriñas.” (Pilar Antelo Docampo e Xaquín Penas Patiño: As plantas medicinais)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.