Planta herbácea da familia das umbelíferas (Dacus carota) e que se caracteriza por ter a raíz fusiforme, de cor laranxa e comestible.
Etimoloxía
Está claro que se tomou do árabe, aínda que non hai acordo sobre o étimo, que puido ser isfanaria ou safunariya.
Exemplos *
"Que ben sabía o peixe ao forno que facía, e que ben lle saían os guisos e os asados, co prebiño mesto e as patacas douradas, coas cenorias e os chícharos, cativos e tenros adornos de amor." (Uxía Casal: Vidas exemplares)
"… iamos sopesando a pataquiña enorme, sopesándoa e sabendo do seu frescor, algúns imaxinándoa ben fervida con ourego e con loureiro, tamén con cenoria e con cebola, adobiada mesmo con allada …" (Alfredo Conde: O Correo Galego 20-05-1999)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


