cepo

Toro pequeno de madeira cortado ao través, que se utiliza para cortar a leña ou a carne enriba del, como soporte da bigornia etc.

Etimoloxía

Palabra que procede da latina cippus ‘poste’.

Exemplos *

“Abaixo, alá lonxe, o cepo de cortar a leña e o machado alí cravado, como estaba sempre. Lémbroo así, o cepo debaixo da cerdeira, e certo medo a caer enriba do machado que me ameazaba co seu gume gorentoso.” (Inma López Silva: Aqueles días en que eramos malas, 2019)

“O percherón anda ó seu ar polas beiras da aira, coma quen é da casa, e en canto se ve buscar cos ollos levanta a cabeza nun medio rincho e ponse de xeito xunta un cepo de picar leña.” (Darío Xohán Cabana: O cervo na torre, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.